Anxo Dafonte
Fotografía: ©David Álvarez, 2021


Quen son?
Ola! Son Anxo Dafonte, un traballador por conta allea nado en Santiago de Compostela alá polo ano 1973.
Profesional da fotografía?
Son fotógrafo afeccionado xa que non teño ingreso ningún por conta da fotografía, polo de agora só gastos, que non son poucos. O meu investimento en equipo e formación, non te preocupes que non vai ser amortizado á túa conta.
Profesionalmente son controlador de aparcadoiros e portas por conta allea. Traballo a quendas que adoitan bailar moito durante a mesma semana, o cal cansa moito e deixa pouco tempo libre.
A vaquiña polo que vale
Levo en contacto coa fotografía desde que tiña moito pelo analóxico e agora que a miña cabeciña vai dixitalizando tantas caniñas coma greñas vai perdendo polo camiño, volvo á faena de documentar aquelo que vexo.
A miña disciplina favorita
O que máis me gusta facer é fotografar cousas cotiás, a vida mesma. Polo tanto, son un gran apaixoado da fotografía de  rúa e tamén dos retratos. Porén, tamén practico moitas outras disciplinas entre as que se atopan a aproximación, a conceptual e a paisaxe, sobre todo nocturna. Estas outras disciplinas poderás ilas vendo no meu blog.
O meu equipo
O meu orzamento nunca deu para moito, así que me teño que conformar co que queda dentro das miñas posibilidades e por suposto, falamos sempre de equipo de entrada ou tamén chamado de iniciación.
Actualmente pódeseme ver fotografando cunha cámara sen espello de formato Micro Catro Terzos e tamén con teléfono móbil.
O caso é adaptarse e a min iso dáseme moi ben e técnica teño abondo para solucionar os problemas que xurdan polas carencias do equipo.
Pero en fin, coma sei que iso do equipo preocupa moito e a máis dun, dicir que aínda que teño varias lentes, na rúa gústame xogar cun 17mm 1:1.8 do sistema MFT que ven tendo unha equivalencia en FF a uns 35mm e que é o que en realidade trato de referenciar no título e no dominio deste porfolio.​​​​​​​

Anxo Dafonte
Autorretrato, 2020

Back to Top